28 marzo 2012

A situación no Corno de África


Por Guiomar Iglesias Manrique.
O Corno de África atópase na parte oriental do continente, en fronte da Península arábiga, e está constituído polos países de Somalia, Etiopía, Eritrea e Djibuti. As súas costas están bañadas polo Mar Vermello e o Golfo de Adén e recibe o seu nome pola súa forma triangular en forma de corno.
A crise do Corno de África afecta a máis de 12 millóns de persoas no noroeste de Kenya, este/sur de Etiopía e Somalia na súa totalidade. A maioría da poboación carece de alimentos, auga e cobijo e non dispoñen das condicións sanitarias e hixiénicas mínimas. Os índices de malnutrición son tremendamente alarmantes nestes países, sobre todo en Somalia, onde a ONU estima que decenas de miles de persoas faleceron e outros miles están en risco de inanición e morte pola falta de recursos e axuda.
A catastrófica situación no Corno de África é resultado dunha amalgama de factores que propiciaron a crise humanitaria que se está a vivir na zona e cuxo resultado foi a declaración oficial de fame en Somalia en xullo 2011 por parte das Nacións Unidas.

CAUSAS
As causas desta situación son un conxunto de variables e xogos de intereses que poden desglosarse da seguinte maneira:
>> Importancia xeo-estratéxica da rexión e os conflitos armados:
O Corno de África é a porta de entrada de Europa ós mercados de Oriente Medio e Asia a través do Mar Vermello e o Canal de Suez, polo que a súa situación xeográfica posúe unha gran importancia dende o punto de vista económico para os países occidentais. 
Por outra banda, foi zona de enfrontamento durante a Guerra Fría, sufriu en 1992 a intervención norteamericana, foi campo de batalla na denominada Guerra contra o terror da Administración Bush, escenario de despregamentos militares para facer fronte a piratería e de rebelións internas, como a guerra de independencia de Eritrea do Estado etíope e o levantamento armado islamista en Somalia. De feito, Etiopía sufriu enfrontamentos internos étnicos e marxistas mentres que Somalia viviu unha guerra civil e na actualidade non conta cun goberno real.
>> Sequía.
A sequía que se vive no Corno de África é unha das peores en moitos anos e está a provocar a crise humanitaria máis atroz do século XXI. As condicións climatolóxicas impiden o desenvolvemento da agricultura, ocasionan a perda de gando e o conseguinte aumento dos prezos dos alimentos, o que hai que sumar a inestabilidade política e os conflitos armados que provocan unha gran inseguridade.

Sen embargo, como moitas organizacións declaran, a crise humanitaria non é froito soamente da seca senón da comunidade internacional. A seca está sendo brutal porque non se tomaron medidas preventivas para atallala, xa que se se houbera prevido non habería desembocado en emerxencia humanitaria. É necesaria un compromiso real e efectivo por parte dos organismos internacionais e dos gobernos para levar a cabo políticas de prevención.[1]
>> Especulación alimentaria.
Unha das causas máis importantes á hora de explicar a fame no Corno de África é a especulación do mercado de alimentos porque este negocio ten unha gran responsabilidade no incremento dos prezos dos alimentos. A alza dos prezos imposibilita que millóns de persoas podan acceder ós alimentos a pesares de que exista un stock capaz de alimentalos a todos.[2]
As normas do comercio internacional aumentan a brecha entre as economías dos países occidentais e os países en desenvolvemento a través das subvencións ós produtos agrícolas. Isto é, os produtos agrícolas subvencionados dos países industrializados entran nos mercados dos países en desenvolvemento a baixo prezo, polo que os alimentos destes últimos non poden competir ó mesmo nivel. A consecuencia é a desincentivación da produción agrícola nacional e a dependencia dos mercados estranxeiros cando eles mesmos son capaces de conseguir unha soberanía alimentaria cos seus propios cultivos.[3]
Por último, cada vez é máis frecuente a compra de terras por parte de multinacionais nos países africanos e como consecuencia os campesiños quedan sen terreos que cultivar para o seu propio consumo. Un exemplo disto pódese ver en Etiopía.

CONSECUENCIAS
O número de refuxiados somalís a principios do ano 2012 chegaba case os 968.000, segundo cifras de ACNUR, e encontrábanse acollidos en polo menos 8 países. O Estado queniano asume 519.997, Iemen 206.655, Etiopía 187.442 e o resto de refuxiados atópanse nos países de Uganda, Djibuti, Exipto, Eritrea e Tanzania.[4] Os refuxiados chegan escapando da fame pero as súas condicións de vida nos campamentos no son especialmente boas debido a falta de infraestruturas, alimentos, auga potable e condicións hixiénicas, xa que moitos campamentos vense desbordados pola incesante chegada de persoas e non contan cos  recursos necesarios para facer fronte a esta situación.
A realidade tornase moi dura non só para os refuxiados somalís senón tamén para as poboacións locais dos demais países que están a sufrir a seca e a crise humanitaria, xa que acollen os desprazados sen contar tampouco con recursos propios. A falta de gando e a escaseza de cultivos fai que a loita polos recursos poña en perigo a estabilidade comunitaria, que é o que está a pasar en Etiopía. Ademais, a falta de auga potable está a provocar infeccións e a transmisión de enfermidades como o cólera e o tifo.[5]
-------------------------------------------
>> A ONGD Implicadas/os No Desenvolvemento desenvolveu dende os seus inicios proxectos de cooperación en Etiopía a través de contrapartes locais. A día de hoxe xa están todos transferidos ás comunidades coas que traballou. 
Na actualidade, Implicadas ten activa a exposición 'Auga para Etiopía'. A exposición reivindica a desigualdade na xestión da auga nos países do Sur, onde a carencia de auga non é un problema de carencia de recursos senón de distribución e uso. Países tan secos como Arabia Saudi (100mm/ano) non experimentan problemas de auga mentres que outros moito máis vizosos, coma Etiopía (500 mm/ano), viven nunha situación de carencia permanente. A falta de investimento en infraestruturas fai que a auga non chegue á poboación.
Esta exposición foi elaborada no marco da Campaña 'Auga para Etiopía' celebrada nos anos 2008, 2009 e 2010. Web da campaña: http://www.augaparaetiopia.org/