O grupo de voluntariado de Compostela ten no seu caderno de bitácora do último mes e medio importantes actividades que salientar, comezando polo ciclo de concertos solidarios Móvete con Implicadas, que foi inaugurado o 2 de abril co espectáculo, sempre imprevisible e divertido, do cabaret de "Pepa e Davide". Vaia o noso agradecemento para eles, polo seu apoio e colaboración desinteresada coa que contribúen aos nosos esforzos por visibilizar a presenza de IND nesta cidade. Do mesmo xeito, tamén temos que agradecer a boa dispoñibilidade do
cantautor Xoan Curiel, que acompañado de
Uxía Senlle, foi o noso protagonista do segundo concerto do ciclo o día 30 de abril. Na última quincena do mes de maio haberá un terceiro concerto, que manterá as mesmas coordenadas que os anteriores -será na Gentalha do Pichel e a entrada terá un custo solidario/simbólico de 2 euros- e que será publicitado a partires da vindeira semana.
E se a música foi un importante activo na nosa actividade primaveral, non menos relevante foi a literatura. Os clubs de lectura que vimos celebrando o último martes de mes na Casa das Crechas, trouxéronnos a finais de marzo un encontro moi entrañable coa autora luguesa
Marica Campo. A conversa xiraba en torno á súa obra "Memoria para Xoana", que da man de Marica nos foi trasladando polo camiño que a muller galega foi labrando desde comezos do século pasado ata o noso día, a súa relación co home, coa familia, coa sociedade, a evolución no reparto dos roles, o treito que aínda queda por percorrer.... un luxo de encontro que se repetiu no mes de abril co autor pontevedrés Adolfo Caamaño. "O paxaro do mel" foi o libro escollido nesta ocasión para reflexionar e analizar os avances do ser humano, tanto de xeito individual como colectivo, en relación cos seus semellantes, co planeta, consigo mesmo. E antes de que remate o curso académico, aínda nos espera un terceiro encontro, o autor será Isidro Novo, o libro "Un escuro rumor tralo silencio", e a data o martes 26 ás 20:30h na Casa das Crechas.
Continuaremos ademais coas citas previstas dentro do ciclo de conferencias "Norte, Sur, co xénero no centro", que traerán ao Club Internacional de Prensa a Irene Rodríguez Manzano o xoves 7 ás 20:00h para falar da feminización da pobreza, e a representantes do colectivo "Homes galegos pola igualdade" e a Mohamed Hussein o xoves 14 .
04 mayo 2009
PRIMAVERA ACTIVA EN COMPOSTELA
Escrito por
Implicadas/os no Desenvolvemento
ás
12:27 PM
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)

1 comentarios:
a todo tren!!! :)
Publicar un comentario en la entrada