O CPI de Castroverde acolle até o vindeiro 21 de abril a exposición de Implicadas no desenvolvemento sobre a tsunami
Dende o luns 7 até o vindeiro 21 de abril, e en horario lectivo, pode visitarse no CPI de Castroverde a exposición O son das buguinas, xurdida da man de Implicadas/os no desenvolvemento (IND) co obxectivo invitar a reflexionar sobre a necesidade dun compromiso permanente na resolución da pobreza para evitar e previr desastres como a tsunami. Deste xeito, as fotos de Paco Vila, as ilustracións de Xulia Barros e os textos de María Reimóndez serven para articular un repaso ao antes, ao durante e ao incerto despois co que terán que enfrontarse os milleiros de persoas que padeceron de xeito máis directo as consecuencias da tsunami.
Os textos e as ilustracións da exposición harmonizan co libro-dvd do mesmo título O Son das Buguinas, promovido por Implicadas e publicado por Xerais, e que xustamente o alumnado deste centro ten como lectura recomendada. O libro ten como principal innovación ir acompañado dun dvd interactivo no que se inclúe, a modo de xogo didáctico, información audiovisual moi relevante sobre o sistema de traballo de organizacións non gobernamentais como Implicadas dentro e fóra de Galicia; ou unha animación que presenta de forma amena a cooperación internacional, entre outras cousas. Esta obra xorde froito do traballo de IND, e froito tamén da colaboración altruísta de recoñecidas autoras e autores galegos como Rosa Aneiros, Agustín Fernández Paz, An Alfaya, Marilar Aleixandre, Dolores Ruíz, Fran Alonso e María Reimóndez; da ilustradora Xulia Barros e do fotoxornalista Paco Vila Barros.
Tanto a exposición O son das buguinas como o libro-dvd do mesmo título pretenden concienciar á poboación galega da necesidade de non abandonar no esquecemento un fenómeno natural que sempre afecta de modo máis grave ás persoas máis desprotexidas. Así, a través dos diferentes relatos independentes que conforman o libro e a través dos diferentes paneis da exposición, búscase chegar a unha reflexión sobre a desigualdade no mundo nas súas diferentes caras (a emigración, os fenómenos naturais, a guerra, a enfermidade). En definitiva, O son das buguinas enmárcase no esforzo de Implicadas de vincular a cultura galega coa cooperación feita dende Galicia e tamén co afán por implicar á mocidade no esforzo de superación da pobreza que move a organización.
04 abril 2008
Castroverde escoita o son das buguinas
Escrito por
Implicadas/os no Desenvolvemento
ás
5:07 PM
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)

0 comentarios:
Publicar un comentario en la entrada