17 diciembre 2007

VANAKKAM BENVIDAS



Un libro e CD solidarios promovidos por Implicadas/os no Desenvolvemento (IND) que recolle poemas de autoras tamiles (Andal, Kutti Revathi, Malathi Maithri, Salma e Sukirtharani) e galegas (Marilar Aleixandre, Yolanda Castaño, Marta Dacosta, María do Carme Kruckenberg, Yolanda López, Chus Pato e María Reimóndez).

Para Implicadas/ os no Desenvolvemento este libro resume en forma de poesía unha maneira de traballar para cambiar o mundo na que nos levamos esforzando xa durante dez anos. A nosa organización traballa dende a súa fundación en 1998 a prol dun mundo onde a cidadanía do norte en xeral e galega en particular entenda a súa incidencia directa sobre a vida de millóns de persoas que viven na pobreza extrema. En todo este tempo, son moitas as pontes e as vías de acción que levamos establecidas, pero se dúas cousas nos caracterizan ademais especialmente son o noso compromiso de xénero e o noso afán por implicar a cultura neste proceso como parte fundamental do cambio. As poetas tamiles que participan neste libro son tamén unha voz que racha cos estereotipos occidentais sobre “a muller india”. Son voces rotundas, libres e liberadoras que ao poñerse en harmonía coas nosas poetas galegas fan que o berro transcenda as fronteiras nun auténtico afán de sonoridade.

As poetas que fixeron o libro posible participaron de xeito totalmente desinteresado. Agradecemos tamén á Radio Galega a súa colaboración na gravación do CD co audio dos poemas. O seu prezo é 10 €. info@implicadas.org