05 diciembre 2007

Últimos días para participar no CONCURSO DE MICRO-RELATOS organizado por Implicadas

O vindeiro luns 10 de decembro remata o prazo para enviar os micro-relatos. A entrega de premios terá lugar o domingo 16, durante a celebración do Implícate

Implicadas/os no desenvolvemento convoca un concurso de MICRO-RELATOS ao redor do tema do proxecto de desenvolvemento urbano de Tiruchy (na India), enmarcado precisamente nas actividades que vimos realizando dentro do ano que lle dedicamos ao devandito proxecto, co gallo do seu remate.

Neste concurso no que poderán participar persoas de todas as idades e nacionalidades coa única condición de que os textos presentados sexan orixinais en galego, inéditos, e cunha extensión máxima de 2500 caracteres.

As persoas que desexan participar poderán afondar máis sobre o proxecto de desenvolvemento urbano de Tiruchy tanto consultando a páxina web de IND [www.implicadas.org] como o blog [http://implicadas.blogspot.com].

O envío dos traballos, sempre antes do luns 10 de decembro, pode realizarse ou ben a través do correo electrónico a info@implicadas.org ou ben a través do correo postal a Implicadas/os no desenvolvemento, Concurso MICRO-RELATOS, Camelias 49 – escaleira, 36202 de Vigo. É importante lembrar que en ámbolos dous casos o envío debe realizarse baixo pseudónimo. Quen opte polo correo electrónico deberá facer constar un número de teléfono e evitar calquera referencia ao nome do/a autor/a. Quen prefira facer o envío por correo postal deberá incluír dentro do sobre unha plica na que constarán os datos de contacto da/o autor/a.

O concurso de MICRO-RELATOS articúlase nunha única categoría, na que se concederán tres premios. O primeiro consiste nunha cesta de produtos de comercio xusto valorada en 200 euros; o segundo nunha cesta semellante valorada en 100 euros; e o terceiro tamén nunha cesta valorada neste caso en 50 euros. Os premios concederanse ao longo do espectáculo IMPLÍCATE, Noite de música e palabra solidaria que se celebrará no Teatro Principal de Santiago de Compostela o domingo 16 de decembro de 2007; un acto no que a recoñecidas/os artistas galegas/os farán confluír a arte, a música, a danza, o teatro ou a poesía coa reflexión sobre as leis que rexen e perpetúan as inxustizas do noso mundo.