03 diciembre 2007

A AXENDA DO DESENVOLVEMENTO 2008

Implicadas no desenvolvemento acaba de sacar ao mercado, por cuarto ano consecutivo, esta axenda solidaria.

Como vén sendo habitual nos últimos anos, co cambio de ano Implicadas/os No Desenvolvemento ten unha nova proposta: a AXENDA DO DESENVOLVEMENTO 2008. A través desta ferramenta cotiá a oenegué galega trata de concienciar á cidadanía galega na súa implicación na cooperación e o desenvolvemento.

O que converte á AXENDA DO DESENVOLVEMENTO de Implicadas na única axenda en galego deste tipo é o feito de intercalar as follas dedicadas a cada día con información de interese sobre cooperación, xénero e axuda ao desenvolvemento, e en particular (na axenda do 2008) con referencias ao proxecto de desenvolvemento urbano de Tiruchy (India) que durante catro anos (2003-2007) Implicadas planificou e desenvolveu, e que agora continúa levado adiante pola propia comunidade. A axenda conta ademais cun deseño moi atractivo ao longo das súas 250 páxinas en papel reciclado e tamaño 13 x 9,5 cm, e cun deseño de cuberta obra de Noelia Fernández.

Puntos de venda

A AXENDA DO DESENVOLVEMENTO pódese mercar a través de Internet visitando a páxina web de Implicadas (www.implicadas.org) así como enviando un correo electrónico a (info@implicadas.org).

Tamén é posíbel mercar a axenda acudindo persoalmente á tenda/local de Implicadas (situado na avenida das Camelias, 49 – escaleiras), nas sedes da ongd Amarante en Pontevedra, Vigo e Santiago de Compostela, e na libraría Andel de Vigo (Pintor Lugrís). Ademais destes lugares, a AXENDA DO DESENVOLVEMENTO poderase mercar (xunto cunha nova liña de produtos promocionais de IND) no Teatro Principal de Santiago de Compostela o vindeiro domingo 16 de decembro, a partir das 20.30 horas, durante a celebración da terceira edición do Implícate, noite de música e palabra solidaria.