30 enero 2007

Curso sobre a cooperación internacional en Etiopía

A COOPERACIÓN INTERNACIONAL EN ETIOPÍA é o título do curso que organiza e promove a ONG galega de cooperación ao desenvolvemento Implicadas/os no desenvolvemento (IND). Esta actividade formativa terá lugar no Crisol (Camelias,14)de Vigo os días 1 e 2 de febreiro (xoves e venres), en horario de 19.30 a 21 horas. O curso está dirixido a calquera persoa que teña interese na cooperación internacional e/ou na situación deste país, xa que na primeira sesión realizarase unha introdución á situación socio económica, política e de cooperación de Etiopía para abordar, xa na segunda sesión, o traballo de IND no país, onde desenvolve un proxecto de empoderamento das mulleres cabeza de familia na capital Addis Ababa e outro proxecto de xeración de ingresos e capacitación comunitaria en North Wollo. O curso combinará contidos teóricos con contidos prácticos e dinámicas participativas,e o importe da matrícula é de 5 euros.

O prazo de inscrición neste curso está aberto até o mesmo xoves día 1. As persoas que queiran anotarse deberán aboar os 5 euros de matrícula antes do 1 de febreiro acudindo persoalmente ao Crisol (Camelias, 14), onde lles emitirán un xustificante. Tamén poden aboar os 5 euros na conta de Caixa Galicia 2091 0531 81 3040010798, indicando o seu nome e apelidos e o concepto “CURSO ETIOPÍA”. Posteriormente deberán confirmar a súa asistencia cubrindo a folla de inscrición, que poderán obter ou ben chamando por teléfono ao 655 104179 ou 886 111327; ou ben enviando un correo electrónico a info@implicadas.org; ou persoalmente, pasando polo Crisol. A continuación, deberán remitir esa folla de inscrición cuberta ou por correo electrónico ou postal aos enderezo arriba sinalados. O primeiro día do curso deberán presentar o xustificante de ingreso da matrícula, facilitado pola entidade bancaria.