26 diciembre 2006

DOUS ANOS ATRÁS, O MAR POR DIANTE

Nestes días revivimos o horror acontecido o 26 de decembro de 2004 no que a tsunami máis devastadora que lembra a humanidade devastou as costas de oito países, entre eles a India, e rematou cunha cifra de vítimas mortais superior ás 300.000 persoas. Implicadas/os no Desenvolvemento é a única organización galega que estaba presente nun dos países afectados, a India e máis en concreto o estado de Tamil Nadu, antes do maremoto e que dende os primeiros momentos leva traballando na costa deste estado para a paliación das consecuencias do maremoto.

Neste segundo aniversario da tsunami facemos un novo chamamento á cidadanía para que as persoas que padeceron esta catástrofe de enorme magnitude non caian no esquecemento. Despois das planas de xornal dos primeiros momentos milleiros de persoas continúan loitando por recuperar as súas vidas e sobre todo por acceder a un nivel de vida mellor có anterior ao maremoto xa que, tal e como Implicadas defendeu dende un principio, as catástrofes son só produto da pobreza prevalecente en centos de países en todo o mundo. Por iso cómpre afianzar un traballo sólido e duradeiro, unha implicación constante da cidadanía na erradicación da pobreza a través dunha reflexión sobre as nosas maneiras de vivir e consumir no norte, sobre a nosa participación na explotación dos países en vías de desenvolvemento e tamén na paliación das consecuencias deste sistema desigual tal e como propoñemos en Implicadas/os no Desenvolvemento.

Implicadas/os no Desenvolvemento leva traballando con 12.000 persoas no distrito indio de Karaikal durante os últimos dous anos nun proceso longo de rehabilitación económica, de traballo pola igualdade de xénero e de atención ás necesidades máis a longo prazo da poboación. Os resultados ata o momento son alentadores, coa creación de grupos de aforro e crédito, capacitación laboral, formación en informática para rapazas, teatro de rúa para tratar tremas como o alcoholismo, violencia de xénero e como non a tsunami e apoio psicolóxico á poboación. Porén, queda aínda moito traballo por diante, e cómpre lembrar que estas intervencións están financiadas exclusivamente coas contribucións comprometidas da cidadanía galega. Por iso volvemos facer un chamamento á colaboración coas comunidades afectadas pola tsunami para poder continuar con este traballo que será o único que permita evitar unha catástrofe das magnitudes da que agora tristemente lembramos.

Durante estes días Implicadas ten instalada na súa sede, o centro de recursos e tenda de comercio xusto CRISOL en Vigo (Avda das Camelias 14) a exposición “O Son das Buguinas” que precisamente recolle fotografías de Paco Vilabarros e textos de María Reimóndez sobre o traballo da organización nos primeiros momentos tras a tsunami. En breve sairá tamén en colaboración con Edicións Xerais de Galicia un libro co mesmo título no que colaboran figuras tan sobranceiras do noso panorama literario como Marilar Aleixandre, Agustín Fernández Paz, Rosa Aneiros, Fran Alonso, entre outras, e que achega un DVD con interesantes contidos educativos sobre a tsunami e a cooperación realizado por Paco Vilabarros.

Todas estas achegas e esforzos teñen un único obxectivo: non esquecer. E co recordo na mente e no corazón, seguir actuando na procura dun mundo mellor no que un maremoto non se converta nunca máis nunha catástrofe.

IND segue tendo habilitado un número de conta para as doazóns que queiran facerse para este fin:

CAIXAGALICIA: 2091 0531 81 3040010798