Como ben sabedes, nestes momentos estase a celebrar na cidade canadense de Halifax o Cumio Mundial do Microcrédito no que destaca a presenza do directo e fundador do Grameen Bank e recente premio Nobel da paz Mohamed Yunus. Implicadas/os no Desenvolvemento non quixemos faltar a esta importantísima cita e enviamos a dúas das nosas voluntarias, Blanca Rodríguez e Andrea Abreu.

A xornada do luns comezou ás 9 da mañá (2 da tarde hora galega) coa sesión plenaria Alcanzando os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio e a Campaña do Cumio de Microcrédito de Reducir a Pobreza Extrema: Cales son as últimas novidades para medir de xeito rendible o movemento por debaixo do límite de 1dólar diario?

No obradoiro Cómo contribúe o Microcrédito á Igualdade de Xénero, no que destacou a presencia de Ela Bhatt, Fundadora da Self-Employed Women Association, SEWA (Asociación de Mulleres Autoempregadas), da India debateuse a importancia do acceso ao crédito para o empoderamento das mulleres e os riscos que supón a súa perda de peso coma beneficiarias ou clientes das institucións de microfinanzas. Esta perda de peso vén motivada por diversos factores, por exemplo, a solicitude de crédito a nomes de mulleres que logo non teñen acceso aos cartos obtidos (que son en realidade para beneficio dos seus homes, pais ou fillos). Susy Cheston, Vicepresidenta Superior de Políticas de Opportunity International, salientou que, desgraciadamente, canto máis grandes, poderosas e economicamente rendibles son as institucións de microfinanzas, máis baixa é a porcentaxe de créditos que conceden a mulleres. No debate posterior, varias persoas de entre o público asistente, incluídas as representantes de Implicadas/os No Desenvolvemento, insistimos na necesidade de involucrar aos homes no proceso de empoderamento das mulleres, implicándoos nas tarefas máis “tipicamente femininas” e proporcionando unha serie de servizos complementarios (non financeiros) que axuden ás beneficiarias e ás súas comunidades a adaptarse e prepararse para os cambios que implica o proceso de empoderamento das mulleres e da superación dos roles de xénero.
Na sesión O Empoderamento das Mulleres a través da Alfabetización Financeira, Jayshree Vyas, Directora do Consello de Administración da Escola India de Microfinanzas para Mulleres, deu a coñecer algunhas das súas publicacións para formar a formadoras de grupos de aforro. Nestas publicacións propoñen unha ensinanza a través de dinámicas nas que destaca o diálogo como metodoloxía e en ocasións, o uso de imaxes. Isto é relevante especialmente nos casos en que as beneficiarias dos grupos de aforro teñen dificultades para ler e escribir. Monique Cohen, presidenta de Microfinance Opportunities, falou do proxecto Educación Financeira para Persoas Pobres e as publicacións da súa organización.
Bennet Benjamin, director do Centro para a Saúde Rural e a Educación Social, presentou na súa sesión, titulada Os Grupos de Autoaxuda: Un novo paradigma na redución da pobreza a microniveis, unha exhaustiva análise do sistema do grupos de autoaxuda e rotación de fondos, amosando a rede de repercusións sociais e comunitarias que teñen as actuacións asociadas ao aforro e o crédito, como a sensibilización nos campos da igualdade da muller, a sanidade, a motivación comunitaria, etc. Os numerosos exemplos presentados na sesión de casos de éxito motivaron un animado intercambio posterior á charla, no que se analizou, entre outras cousas, as vantaxes e desvantaxes do sistema dos grupos de autoaxuda, en comparación con outros sistemas de microcrédito, coma os bancos tipo Grameen, e outras institucións de microcrédito. Ademais, as representantes de IND tivemos a oportunidade de entrevistar a Bennet Benjamin e de gravar as súas opinións.
Na sesión Cómo facer as Microfinanzas realmente inclusivas: Chegando a persoas con discapacidade, Anne Leymat e Wanda Muñoz, representantes de Handicap International, presentaron un estudo moi interesante sobre as dificultades que teñen as persoas con discapacidade para acceder a microcréditos. Nesta comunicación salientaron a importancia de traballar para conseguir unha sociedade máis inclusiva que permita ás persoas con discapacidade desenvolver todo o seu potencial. Susan Sygall, co-fundadora e directora executiva de Mobility International, sinalou a dobre discriminación que sofren moitas mulleres con discapacidade e a súa paradoxal experiencia na Conferencia Mundial das Mulleres en Beijing, na que, malia a importancia que se deu á superación do situación de marxinación deste colectivo, as instalacións nas que se celebrou a Conferencia non eran accesibles, nin había intérpretes de signos.
1 comentarios:
resulta realmente emocionante que esteades aí as dúas, dando guerra como sabedes!
Publicar un comentario en la entrada