É sabado e o calor séguenos a facer compaña pero iso non nos detén. Moito máis alá diso erguémonos con ganas, hoxe espéranos unha masaxe ayurvédica, non temos moita idea do que é pero ten moi boa pinta. Imos en diferentes turnos e as primeiras chegan cando nós estamos almorzando, as caras dino todo mais elas deciden gardar segredo...
Antes do seguinte turno temos unha xuntanza co persoal do proxecto "O corredor do desenvolvemento", comparten connosco a súa experiencia e o traballo feito xa que o proxecto de "Desenvolvemento Urbano" rematou hai nada e tivo un grande éxito e para o novo hai grandes expectativas. Se hai algo que non deixa de sorprendernos e a forza que tódolos participantes do proxecto nos transmiten, tanto beneficiarios como traballadores. Sempre con grandes expectativas, ilusión, traballo.... un exemplo a seguir, vaia.
Rematamos a xuntanza e o seguinte turno marcha, van con ganas. As que faltan apuran a comer para estar listas cando sexa hora de partir cara as masaxes. É hora. Coa saída das últimas o segredo disólvese e todo son eloxios para inigualable técnica tradicional... é case imposible definir as sensacións que produce...aceites, mantras, mans celestiais... recomendable 100%.
Con moita paz interior dispoñémonos a ir ó suburbio, non somos para nada conscientes do que alí vai acontecer. Visitamos a escola de apoio, os nenos espérannos entusiasmados, demasiado entusiasmados. Nós somos poucas e eles moitos, é imposible falar con todos, darlles a man, facerlles fotos, responder as súas preguntas... Explicannos como funciona esta actividade e algunhas historias dos nenos. Escoitamos a historia do neno macarrilla que pasou a ser o responsable, o que animaba ós amigos a ir ás clases, el explicounos que aínda que moitos ían deberían ser máis...A nena que despois de sufrir un accidente de tráfico tivo que deixar de acudir ás actividades extraescolares por mor do medo do pai que lle pasase algo, ela é a primeira da clase e o persoal do proxecto díxolle que falaria co seu pai e ela, esperanzada, rompeu a chorar... Historias que fan que nos acerquemos a esta sociedade e nos alonxemos un pouco do mundo anestesiado, dese do que, por sorte ou desgraza nós formamos parte.
Rajid (de pé con camisa amarela) vai para líder comunitario.
Atendemos ás historias pero, iso sí, no medio dun balbordo impresionante que provocou que tivesemos que abandonar o suburbio antes de tempo pois, tiñamos pánico a que os nenos, ilusionados e alterados, se mancasen.
Despois desta situación tan contradictoria os ánimos estaban bastante mais baixos, foi fermoso compartir as súas historias, as súas vidas... pero foi duro ter que marchar por non poder atender a todos...
A decir verdade unha non sabe moi ben como pasar de semellante experiencia ás compras pero, iso foi o que fixemos. Quizais residuos tóxicos do mundo "desenvolvido"...
As compras estiveron ben, a que máis e a que menos mercou un churidar, algun sari para regalar... pero, a saída da tenda, botella de auga en man, todas respiramos tranquilas.
O cansazo pasa factura, despois da cena cada quen para o seu camastro e a descansar, que mañá é un día novo e, coma todos, de seguro ha de ser un gran día. Deses que probablemente nos acompañen para sempre.
Saúdos!! :) \
Tatiana e Kitty